miércoles, 27 de mayo de 2026

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO. CONVOCATORIA 2025-2026

 premiosedu

O día 1 de xuño publicarase a ORDE do 25 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os Premios Extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2025/26.

A finalidade destes premios é recoñecer e valorar os méritos do alumnado que cursou cun excelente resultado académico o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderase presentar o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

  • Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2025/2026 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.
  • Ter obtido unha nota media da etapa de bacharelato igual ou superior a 8,75 .

Forma e prazo de presentación de solicitudes:

O alumnado formalizará a súa matrícula na proba PEB empregando o anexo I e presentará a súa solicitude de matrícula na secretaría do centro en que superase o segundo curso de bacharelato.

O alumnado indicará os seus datos persoais, os do centro educativo e a modalidade de bacharelato cursada nel; indicará a Primeira Lingua Estranxeira II cursada e a materia escollida entre as materias obrigatorias de modalidade ou vía cursada segundo o seguinte: 

- Artes na vía Artes Plásticas, Imaxe e Deseño: Debuxo Artístico II,

- Artes na vía Música e Artes Escénicas: Análise Musical II ou Artes Escénicas II,

- Ciencias e Tecnoloxía: Matemáticas II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II,

-Humanidades e Ciencias Sociais: Latín II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II,

- Xeral: Ciencias Xerais.

O alumnado presentará a súa solicitude de matrícula no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte á publicación desta orde. O prazo de matrícula nos centros educativos será do 2 ao 8 de xuño ambos inclusive.

Data da proba:

A proba PEB será presencial, en convocatoria única en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e realizarase de forma simultánea nas distintas sedes que se establezan.

A realización da proba PEB terá lugar o día 16 de xuño de 2026.

O lugar de realización publicarase na seguinte dirección https://www.edu.xunta.gal/premiosedu 

Estrutura da proba:

Estrutúrase en dúas partes, cada unha a desenvolver en dúas horas.

  • 1ª parte:

-Análise e comentario crítico de texto ou textos, sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico, científico ou literario.

Para a resolución do exercicio será necesario usar as dúas linguas cooficiais ( agás aquel alumnado que teña recoñecida a exención de avaliación na materia de Lingua Galega e Literatura II).

  • 2ª parte: consta de dous exercicios

-Primeiro: resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia común do bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario e no idioma correspondente.

-Segundo: desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia de modalidade cursada polo alumnado, a elixir entre as seguintes, segundo a modalidade de bacharelato cursada: Ciencias Xerais, Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Debuxo Artístico II, Análise Musical II e Artes Escénicas II.

Cualificación:

O exercicio da primeira parte da proba PEB cualificarase entre 0 e 20 puntos cun decimal.

Cada un dos dous exercicios da segunda parte da proba PEB cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal.

A cualificación de cada parte da proba PEB obterase mediante a suma das cualificacións dos exercicios que a compoñen.

A cualificación total será a suma das cualificacións obtidas en cada parte da proba PEB.

Solicitude para optar á subvención do Premio Extraordinario de Bacharelato:

Unha vez publicadas as cualificacións definitivas da proba PEB, o alumnado o alumnado que cumpra os requisitos establecido deberá formalizar unha solicitude para optar á subvención do Premio Extraordinario de Bacharelato.

Requisitos:

  • Terse presentado á proba PEB na convocatoria de 2026 e ter acadada unha cualificación total mínima de 25 puntos.
  • Ter acadado, como mínimo, unha cualificación de 10 puntos no exercicio de Análise e comentario crítico de texto.
  • Ter acadado, como mínimo, unha cualificación de 5 puntos nos demais exercicios da proba PEB.
As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas preferiblemente por medios electrónicos a
través do formulario (anexo IV) dispoñible na aplicación informática PremiosEdu https://www.edu.xunta.gal/premiosedu

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes a partir do día seguinte da publicación das listaxes de cualificacións definitivas da proba.

Calendario resumo do procedemento:  

 

Prazo de matrícula no centro

Do 2 ao 8 de xuño de 2026 ambos inclusive

Listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas da proba

9 de xuño

Prazo de corrección de erros na matrícula na proba

do 10 ao 12 de xuño

Listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas na proba

15 de xuño

Data de realización da proba

16 de xuño de 2026

Prazo de solicitude para optar á subvención do Premio Extraordinario de Bacharelato.

1 mes a partir do día seguinte da publicación das listaxes de cualificacións definitivas

 
A continuación tedes unha folla resumo coa información importante sobre este procedemento:  
   

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.